Convenio Smartiago

O 4 de decembro de 2017, o Concello asinou co Ministerio de Economía, Industria e Competitividade (en adiante MEIC) o Convenio de colaboración para o proxecto SMARTiAGO que prevé a utilización de compra pública innovadora (CPI) para a implantación de servizos de calidade cun horizonte temporal de 4 anos.

O seu obxectivo principal é a posta en marcha da folla de ruta formada por un conxunto de solucións tecnolóxicas innovadoras no ámbito das cidades intelixentes, encamiñadas a converter Santiago de Compostela na primeira iniciativa que busca eficiencia, máxima aplicabilidade e adaptación da I+D ás problemáticas das Cidades Patrimonio no seu conxunto, de xeito que os resultados sexan altamente escalables, eficientes e replicables noutras cidades ou contornas nos que o Patrimonio Histórico sexa un atributo distintivo das mesmas.

Trátase do primeiro convenio que o MEIC asina cunha Administración Local baseado no modelo de CPI aplicando o procedemento de Asociación para a Innovación.

O proxecto SMARTiAGO ten un orzamento de 6.180.000 €, financiados nun 80% (4.944.000 €) por Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) do Programa Operativo de Crecemento Intelixente (POCINT) 2014-2020:

  • Obxectivo Temático 1: Potenciar a investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación.

  • Prioridade de Inversión 1.b: O fomento da inversión empresarial en I+D+i, o desenvolvemento de vínculos e sinerxías entre as empresas, os centros de investigación e desenvolvemento e o sector da ensinanza superior, en particular mediante o fomento do investimento no desenvolvemento de produtos e servizos, a transferencia de tecnoloxía, a innovación social, a innovación ecolóxica, as aplicacións de servizo público, o estímulo da demanda, a interconexión en rede, as agrupacións e a innovación aberta a través dunha especialización intelixente, e mediante o apoio á investigación tecnolóxica e aplicada, liñas piloto, accións de validación precoz dos produtos, capacidades de fabricación avanzada e primeira produción, en particular, en tecnoloxías facilitadoras esenciais e difusión de tecnoloxías polivalentes.

  • Obxectivo específico 1.2.1: Impulso e promoción de actividades de I+D+i lideradas polas empresas e apoio á creación e consolidación de empresas innovadoras, en relación ás actuacións cofinanciadas dentro da liña de actuación de impulso á innovación desde a demanda mediante actuacións de compra pública innovadora (CPI).

O Convenio prevé o cofinanciamento de iniciativas do proxecto SMARTiAGO estruturadas en tres liñas de actuación:

  • Liña Xestión sostible e intelixente de residuos sólidos urbanos
    O servizo de xestión de residuos sólidos urbanos (RSU) e limpeza viaria (LV). Implican un custo anual de 11,55M €/ano, o que supón o 28,3% do capítulo 2 do orzamento municipal (datos de 2015). Ademais, cun pobre 13% de recollida selectiva, moi por debaixo do obxectivo de reciclaxe e preparación para a reutilización marcado pola UE: 50% en 2020 e 65% en 2030.

  • Liña Mobilidade intelixente e sostible
    A mobilidade e acceso de vehículos de residentes, visitantes e carga e transportistas no centro e casco histórico de Santiago de Compostela, patrimonio da UNESCO. A elevada actividade hostaleira e comercial implica unha desordenada actividade de vehículos de transporte de “última milla”, cuxo control se basea en elementos físicos non integrados co patrimonio e control humano, con impacto no estacionamento e bloqueo de vehículos de emerxencia e recollida de residuos.

  • Liña Alumeado ornamental intelixente para conservación do patrimonio
    O alumeado público e a conservación de fachadas de elevado valor patrimonial. Supón 3,5M€/ano en electricidade e mantemento de luminarias, un 9% do capítulo 2 do orzamento anual do Concello. Nunha Cidade Patrimonio da UNESCO con elevada afluencia turística, a iluminación supón un valor engadido. Ademais, a conservación e mantemento de elementos do patrimonio construído implican importantes gastos recorrentes.

O proxecto, por un importe total de 12.360.000,00 euros, estrutúrase en dúas fases, que teñen asociado un importe de 6.180.000,00 euros cada unha.

  • Fase de I+D+i: Nesta primeira fase, cun prazo de execución máximo de 4 anos desde a entrada en vigor do Convenio, terá lugar todo o proceso de adquisición de solucións mediante compra pública innovadora, e máis especificamente polo procedemento de asociación para a innovación.

  • Fase de despregamento: Nesta segunda fase, xa fóra do alcance do Convenio asinado, se levaría a cabo o despregamento das solucións que teñan demostrado a súa viabilidade e produtividade.

SMARTiAGO permitirá ademais posicionarse tecnoloxicamente nun campo novo a empresas con grande capacidade tecnolóxica, ás Universidades e Centros de I+D+i do ecosistema local e galego, todo elo acometendo novos retos en liña cos obxectivos FEDER 2014-2020.