Sesión informativa sobre a Consulta ao Mercado

04/12/2019
Mesa de relatores

Máis de 80 empresas e axentes de innovación asistiron este luns ao taller informativo celebrado no edificio Cersia e no que se abordaron as características do proxecto Smartiago e dos tres retos propostos, que se presentaron na Xornada de lanzamento da Consulta Preliminar ao Mercado o pasado xoves 21 de decembro no Hostal dos Reis Católicos en Santiago.

A sesión estivo conducida por Jesús Rodríguez Castro, Xefe do Servizo de Informática do Concello; Manuel Varela Rey, director de Sector Público en Science & Innovation Link Office (SILO); e Gonzalo Pellejero, da Oficina Técnica de Apoio (OTA) ao Proxecto Smartiago; e contou coa asistencia de Gumersindo Guinarte Cabada, Concelleiro de Presidencia e Relacións institucionais, quen clausurou a xornada.

Gumersindo Guinarte explicou que no taller se abordaron as características, tanto do proxecto, como dos tres retos propostos presentados na xornada de lanzamento desta Consulta Preliminar ao Mercado o pasado xoves 21 de novembro, que son mobilidade, xestión de residuos e iluminación. O concelleiro lembrou que Smartiago é a primeira iniciativa dentro das cidades patrimonio que utiliza a innovación para a procura da eficiencia e unha aplicabilidade sustentable nos servizos públicos que se prestan á cidadanía.

Con este proxecto, sinalou Gumersindo Guinarte, "gañamos todos; a cidadanía, porque conseguiremos mellorar os servizos públicos prestados nas áreas que conforman Smartiago, grazas a solucións innovadoras non existentes no mercado, que nos permitirán aplicar os criterios de sustentabilidade e eficiencia que debemos de garantir dende as Administracións Públicas."

E tamén gañarán, engadiu Guinarte, "as empresas e axentes de innovación porque Smartiago é unha oportunidade para mobilizar de forma intelixente os fondos públicos para crear produtos tecnolóxicos singulares, escalables e aplicables a outras ciudadas patrimonio e con bens de interese cultural como Santiago de Compostela; para xerar empregos de alta calidade, non só na área de influencia de Santiago, senón tamén a nivel rexional e nacional; e para converterse nun polo de atracción para o investimento privado que redundará na mellora da competitividade das empresas".

O prazo de participación nesta fase de Consultas Preliminares ao Mercado remata o próximo 16 de decembro. o concelleiro confía en "recibir propostas de alto valor que nos permitan perfilar as licitacións do primeiro semestre de 2020 e sentar as bases do que serán os servizos públicos do futuro".