Publicanse as licitacións de CPI por máis de 3 millóns de euros

14/07/2020
Presentación do acordo da XGL

A Xunta de Goberno Local, nunha sesión extraordinaria, aprobou hoxe a apertura do procedemento para licitar tres contratos do programa Smartiago, por un valor estimado de 3.338.292,27 euros (IVE engadido). Corresponden a proxectos mobilidade intelixente e sostible, xestión sostible e intelixente dos residuos sólidos urbanos, e alumeado ornamental intelixente para a conservación do patrimonio.

Estas licitacións, permitirán, segundo explicou o concelleiro de Presidencia e Relacións Institucionais, Sindo Guinarte, dar resposta ao tres retos plantexados, e mellorar, mediante o aporte tecnolóxico, a calidade dos servizos que se prestan á cidadanía, sempre utilizando a innovación para a protección do patrimonio e a sustentabilidade. O concelleiro tamén destacou que Compostela é a cidade de menos de cen mil habitantes, que leva a cabo un proxecto de CPI desta envergadura, no que se van licitar, en 2020, máis de catro millóns de euros.

A concelleira responsable de Modernización da Administración Local, Marta Abal, sinalou que ´"é a primeira vez en Santiago que se realiza unha Compra Pública de Innovación", na que, nas áreas de mobilidade e RSU, se merca desenvolvemento e innovación. Ao que se engade, continuou, a compra de investigación na licitación de iluminación ornamental, na que, precisamente, "mercamos investigación que nos vai permitir conservar o noso patrimonio nas mellores condicións". A concelleira espera que "este proxecto piloto sexa un bó exemplo para outras administracións locais".

A definición destas tres contratacións chegou despois dun proceso de Consultas Preliminares ao Mercado, no que participaron un total de 57 entidades que presentaron máis de 60 propostas. A través deste proceso convidábase aos operadores do mercado a presentar as súas solucións para os retos propostos polo Concello. É de destacar a alta participación de entidades locais e rexionais nas CPM de Smartiago, pero tamén con achegas de multinacionais líderes nos seus respectivos sectores.

Tras a presentación de propostas foron chamadas a entrevistas máis de 30 entidades (pemes, grandes empresas, universidades, centros tecnolóxicos, etc.) para que achegaran máis información sobre as solucións presentadas.

MOBILIDADE INTELIXENTE E SOSTIBLE

A contratación correspondente ao reto de Mobilidade intelixente e Sostible é unha licitación de Compra Pública de Tecnoloxía Innovadora para desenvolver unha solución tecnolóxica de mobilidade smart, co obxecto de racionalizar o tráfico de vehículos e persoas no centro histórico, deseñar novas estratexias para a repartición de última milla e contribuír á sustentabilidade ambiental e á conservación do patrimonio.

O valor estimado é de 2.146.479,5 euros (IVE engadido) e a adxudicación está prevista para outubro de 2020, cun prazo de execución de 18 meses.

Todas as accións correspondentes a esta licitación desenvolveranse no centro histórico de Santiago de Compostela. Búscase tamén o deseño de novas estratexias para a repartición de última milla e contrubuír á sustentabilidade ambiental reducindo a contaminación.

Plataforma de contratación do sector público.

XESTIÓN SOSTIBLE E INTELIXENTE DOS RESIDUOS SÓLIDOS URBANOS

No caso da xestión sostible e intelixente dos residuos sólidos urbanos tamén se trata dunha licitación de Compra Pública de Tecnoloxía Innovadora para deseño, desenvolvemento e construción de contedores intelixentes de superficie para a caracterización de residuos sólidos orgánicos. Preténdese situar o servizo de recollida e tratamento de RSU á vangarda da eficiencia con tecnoloxías «smart waste», participación cidadá e IA (Intelixencia Artificial). Búscase lograr os obxectivos de 50% de preparación para a reutilización e a reciclaxe, partindo do 13% actual, convertendo o espazo urbano e o mobiliario público en elementos de interacción para obter recompensa a través da corresponsabilidade ambiental.

O valor estimado é de 564.102 euros (IVE engadido). A adxudicación está prevista para outubro de 2020 e contémplase un prazo de execución de 18 meses.

Plataforma de contratación do sector público.

ILUMINACIÓN ORNAMENTAL INTELIXENTE PARA A CONSERVACIÓN DO PATRIMONIO

No caso do reto de iluminación ornamental intelixente para a conservación do patrimonio trátase dunha licitación de Compra Pública Precomercial, que se diferencia das anteriores, porque neste caso tamén se está mercando investigación, ademáis de desenvolvemento e innovación. Mediante esta compra, o Concello de Santiago contratará os servizos para desenvolver un sistema de alumado ornamental para a conservación do patrimonio.

O valor estimado é de 627.710,77 euros (IVE engadido), prevéndose a adxudicación para outubro de 2020. O prazo de execución é de 18 meses.

No caso desta licitación trátase da contratación dos servizos de I+D para o deseño, desenvolvemento e posta en funcionamento dunha solución piloto que permita, a través de tecnoloxía LED, inhibir o crecemento de microorganismo no patrimonio monumental de Santiago de Compostela.

Búscase situar o servizo de iluminación pública ornamental á vangarda da eficiencia, sen renunciar a unha idónea integración arquitectónica nunha contorna Patrimonio da Humanidade, promover a sustentabilidade ambiental ligada á fabricación e xestión da iluminación baixo un modelo de economía circular e reducir os gastos de conservación do patrimonio utilizando iluminación ornamental e IA para o mantemento preventivo da colonización biolóxica.

No alcance técnico do proxecto, ademais dos requisitos funcionais, contémplanse requisitos técnicos de prototipo de luminaria, requisitos de experimentación, requisitos técnicos e construtivos (os esixidos a anclaxes, os regulamentarios, os esixidos a luminarias e os esixidos a cadros de mando), ademais de requisitos para o piloto e para a conservación do patrimonio, todos eles recollidos no prego de prescricións técnicas desta licitación.

O prazo de presentación de solicitudes abrirase unha vez se publiquen oficialmente as distintas convocatorias, e será de 35 días.

Plataforma de contratación do sector público.