O Concello licitará contratos por valor de case catro millóns de euros

08/07/2020
Gumersindo

O Concello de Santiago de Compostela recibiu un total de 63 propostas durante o proceso de Consultas Preliminares ao Mercado do proxecto Smartiago, cofinanciado pola Unión Europea, que contou ademais coa participación de 57 entidades. É o balance que ofreceu o concelleiro de Presidencia, Relacións Institucionais e Turismo, Gumersindo Guinarte, no webinar "A tecnoloxía e a innovación como resposta aos retos dunha cidade patrimonio", organizado polo municipio compostelán e ao que asistiron preto dun cento de persoas.

A previsión é que ó longo dos próximos días se publiquen as licitacións deste proxecto, que aposta por potenciar a mobilidade intelixente, reforzar a xestión sostible dos residuos sólidos urbanos e dispoñer dunha iluminación ornamental intelixente que contribúa á conservación do patrimonio. "Cando finalice o 2020, o proxecto Smartiago terá licitados contratos por un valor superior aos 3,7 millóns de euros", destacou o concelleiro, quen puxo o Smartiago como "«exemplo de conciliación entre innovación e patrimonio». «Dende o Goberno local entendemos este proxecto como unha oportunidade de avanzar cara un futuro sostible, no que Santiago de Compostela sexa exemplo de cidade pola innovación empregada e por mellorar a calidade de vida», engadiu, lembrando que Santiago de Compostela é a primeira cidade patrimonio en impulsar unha Compra Pública de Innovación.

Un dos retos de Smartiago é reducir a presión que os vehículos de reparto exercen na zona histórica. Por outra parte, o proxecto contempla a instalación de colectores intelixentes para a recollida dos residuos, así como a posta en marcha dunha iluminación que axude a conservar as fachadas dos edificios. Neste sentido, tecnoloxías como a visión artificial, a gamificación ou o deseño automático de recomendacións para o tráfico, entre outras, serán ferramentas clave.

"Unha das actuacións posibles é a posta en marcha de contedores que permitan saber que hai no interior da bolsa sen necesidade de tocala. Por outra parte, barállase a instalación dun sistema de iluminación que teña a capacidade de inhibir o crecemento de microorganismos nas fachadas", destacou Gonzalo Pellejero, da Oficina Técnica de Apoio (OTA).

A presentación das conclusións do proceso de Consultas Preliminares ao Mercado de Smartiago correu a cargo do xefe do Servizo de Informática do Concello de Santiago, Jesús Rodríguez, e do director da Oficina Técnica (OTA) de Smartiago, Juan Manuel Garrido. Tamén repasou os fitos do proxecto o Xerente da OTA, Carlos Jiménez.

Tan pronto se publiquen as licitacións, as persoas interesadas poderán formular preguntas ao respecto a través do Perfil do Contratante do Concello de Santiago de Compostela, concretamente na Plataforma de Contratación do Sector Público.

O webinar contou coa presenza da directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, e da secretaria da Red Innpulso, Esther López, que coincidiron na importancia de "alianzas estratéxicas como esta para estimular ó tecido empresarial e impulsar a innovación"