O Concello inicia o sistema de control de residuos orgánicos a través de colectores intelixentes

22/12/2020
rsu smartiago

O concelleiro de Presidencia, Relacións Institucionais e Turismo, Gumersindo Guinarte, presentou esta mañá o proxecto do sistema intelixente de recollida de Residuos Sólidos Urbanos (RSU) que se vai desenvolver na cidade no marco do proxecto Smartiago. Acompañárono na presentación por parte de Wellness TechGroup, empresa adxudicataria, o seu director executivo, David García Ternero, e a delegada da empresa sevillana no norte de España, Fernanda Diz Vega.

O proxecto Smartiago, de Compra Pública de Innovación (CPI), tiña entre os seus obxectivos no reto de RSU, acadar un novo modelo de depósito e tratamento descentralizado dos residuos que posibilite alcanzar os requisitos marcados pola UE; así como implementar unha nova forma de relación coa cidadanía que premie o comportamento axeitado en relación ao depósito de residuos sólidos urbanos (RSU), aumentando a co-responsabilidade e a transparencia. O servizo de xestión de residuos sólidos urbanos e a limpeza viaria implican un custo anual de 11,55 millóns de euros/ano, o que supón aproximadamente o 28% do capítulo 2 do orzamento municipal.

O obxecto desta contratación con Wellness TechGroup é o deseño, desenvolvemento e construción de colectores intelixentes de superficie para a caracterización de residuos sólidos orgánicos, baseados no uso de tecnoloxías abertas de IoT, a aplicación de algoritmos de aprendizaxe automática e o uso de datos abertos como fontes para o enriquecemento de modelos de predición con información contextual. A posta en funcionamento destas tecnoloxías permitirá controlar o cumprimento dos obxectivos do convenio Smartiago.

O concelleiro Gumersindo Guinarte remarcou "o esforzo que supón para unha administración municipal dun concello como Santiago levar adiante un proxecto desta natureza, que supón dinámicas nas que non tiñamos ningunha experiencia", e agradeceu a todo o persoal municipal o afán e implicación no proceso.
Guinarte destacou tamén que Santiago é a primeira cidade española patrimonio da humanidade que leva a cabo un proxecto desta natureza, con toda a súa complexidade, e que, desde o Concello, confían en "sacar a licitación total dos retos en que subdivide o proxecto Smartiago. Quedan aínda dúas licitacións por levar a cabo, que sairán a principios do ano próximo e terán unha execución de 18 meses".

Tamén recordou que os proxectos de CPI non poden utilizarse para que as administracións públicas se abastezan de subministracións e infraestruturas: "non se pretende comprar unha cantidade elevada de colectores, senón levar a cabo proxectos piloto limitados no seu alcance que despois poidan ser aproveitados por esta e outras administracións para mellorar a prestación de servicios públicos municipais".

Proxecto piloto
A empresa adxuctaria do proxecto Smartiago da licitación CPI do reto de RSU, Wellness TechGroup, conta con presencia internacional e máis de 18 anos de experiencia en smart cities, iluminación, enerxía e na xestión de RSU, así como cunha grande experiencia en proxectos de I+D+i. O seu director executivo, David García Ternero, amosou o seu agradecemento á cidade de Santiago pola súa aposta pola innovación para solucionar a xestión dos residuos, "un dos grandes problemas a nivel mundial", nas súas palabras.

García Ternero afirmou que a tecnoloxía terá un papel determinante para axudar a cumprir a directiva comunitaria de acadar o 50% do tratamento dos residuos, e a parte orgánica, a que se vai tratar no marco do proxecto Smartiago, supón o 25% de todos os residuos que se xeran e "nos que existe aínda moi pouca reutilización".

Os tres colectores que se instalen durante o proxecto estarán dotados de sensorización, para que sexa esta tecnoloxía a que avalíe o momento preciso para que os residuos pasen á seguinte fase de tratamento en función do seu estado. Ademais, a cidadanía estará no centro do proxecto, sendo "unha parte moi importante do proceso", buscando a calidade do reciclaxe na propia orixe do depósito do residuo. Os colectores, que serán enerxeticamente autónomos e contarán con sistemas antivandálicos, poderán chegar a detectar impurezas ou impropios nos residuos depositados.

Desde a instalación do piloto, prevista para a fase final do proxecto, o obxectivo será "lograr que a cidadanía se adhira ao proxecto", segundo o director executivo de Wellness, buscando un cambio de modelo que se poida replicar tamén noutras cidades, co fin de "mellorar a calidade dos servizos ofrecidos aos cidadáns".

O proxecto Smartiago é un proxecto de Compra Pública de Innovación co que se pretende dar solución a varios retos detectados polo Concello de Santiago en tres liñas de actuación (mobilidade, RSU e iluminación). A licitación do sistema intelixente de recollida de RSU tiña un orzamento base de 466.200 euros (IVE excluído) e foi adxudicada en 369.000 euros (IVE excluído) e terá un período de execución de 18 meses.

Cofinanciamento FEDER
O proxecto Smartiago desenvólvese no marco dun convenio de colaboración da Liña FID (Fomento da Innovación desde a Demanda) entre o Ministerio de Ciencia e Innovación e o Concello de Santiago de Compostela e está financiado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020. Tamén está cofinanciado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) nun 10 por cento.